| O cambio climático na Galiza... |
|
|
|
|
O cambio climático será "inevitable" en Galicia aínda que lle afectará de forma menos "dramática". Así o asegurou onte o profesor honorífico da Universidade Autónoma de Madrid, o compostelán Emilio Menéndez Pérez, que aposta por substituír algunhas especies arbóreas dos bosques galegos e apostar por aquelas propias do país para previr as consecuencias do cambio climático.
O profesor galego impartiu onte unha conferencia na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña baixo o título "Cambio Climático: os límites da tecnoloxía". Para Menéndez Pérez, "non existe ningunha solución máxica" para impedir o cambio climático. Esta situación afectará máis a Galicia se non se evitan especies como os eucaliptos que, segundo o profesor, arden con máis faciliade que outras especies autóctonas. Remodelar os bosques galegos será entón necesario xa que se prevé un cambio de clima cara a temperaturas máis propias do Mediterráneo. Menéndez Pérez indicou ademais, que aínda que a actual aposta polas enerxías renovables será positiva para evitar que este cambio climático sexa maior, "non resolverán a situación". Por iso, e debido a que, segundo sinalou, "non se pode facer nada para evitar o cambio climático", destacou a necesidade de establecer solucións e medidas reais para que a poboación poida afrontar o incremento de ata cinco graos da temperatura. A pesar de que este cambio será inevitable, segundo Menéndez Pérez, a situación en Galicia "non será grave nin dramática, a condición de que se modifiquen os bosques galegos". Menéndez Pérez sinalou a África como a máis afectada polo futuro cambio climático onde asegurou que a situación "si será dramática". O profesor Menéndez é natural de Santiago de Compostela, doutor enxeñeiro de Minas e experto na investigación en materias relacionadas co carbón. Foi director do departamento de I+D de Endesa e na actualidade é profesor honorífico das universidades Politécnica e Autónoma de Madrid. |