Galizacelta.com
     
Novas Cultura Compostela acollerá o II Congreso de Música Tradicional Galega
Compostela acollerá o II Congreso de Música Tradicional Galega PDF Imprimir Correo-e

Compostela

Tentando cumprir un dos seus principais fins, a normalización da cultura musical de Galicia, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), ente que representa non só a gaiteiros, senón tamén a todo tipo de músicos tradicionais, bailadores e demais xente implicada no folclore musical galego, organiza o II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega.

O obxectivo fundamental deste congreso é reunir ós principais actores do ensino da música e baile tradicional nun marco que permita a discusión das futuras liñas a seguir, para que o noso patrimonio musical sexa posto en valor e transmitido dun xeito moderno e eficaz ás novas xeracións. Nesta ocasión, ademais de tratar a situación do ensino da música tradicional nas escolas de música, conservatorios e asociacións culturais, centrarémonos especialmente no ensino obrigatorio. O futuro das nosas tradicións, da nosa música, a nosa lingua, canto e baile, pasa inevitablemente pola transmisión destes coñecementos ás novas xeracións, para que saiban conservalos e respectalos.
 
noticiasgalicia.30/11/07 

Este relevante congreso está patrocinado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, así como pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela. Na súa organización colaboran a AS.PG e a CIG, xunto coas Universidades de A Coruña e Vigo. Nel poderanse escoitar un total de cinco relatorios levados a cabo por importantes investigadores e docentes galegos que tratarán temas tan interesantes como os ³coidados básicos da voz e exercicios prácticos para cantar dun xeito saudable²; ³xogos populares e tradicionais galegos²; así como a ³aplicación das novas tecnoloxías no ensino da música tradicional². Tamén contaremos con obradoiros prácticos como por exemplo un ³taller de construcción de xoguetes sonoros² ou ³cantigas para os máis pequenos². Estes relatorios e obradoiros alternaranse con mesas redondas onde se debaterán temas relacionados coa música tradicional, e ademais presentaranse as comunicacións seleccionadas entre as propostas recibidas para este congreso.

O II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega celebrarase no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, os días 7, 8 e 9 de Decembro e vai dirixido a todo tipo de docentes, xente interesada neste tipo de ensino e a estudantes universitarios, para os que a asistencia contará como créditos de libre elección para as Universidades de A Coruña e Vigo. Tamén esta en trámite a homologación desta actividade pola consellería de Educación.