| Os castros da galiza bens de interese cultural... |
|
|
|
|
Espallados por todo o territorio, os castros son un elemento de grande importancia e de profunda identidade do noso patrimonio cultural. A Consellaría de Cultura e Deporte quere outorgarlles aos máis sobranceiros de entre eles a categoría de Ben de Interese Cultural, o maior grao de protección. Nos vindeiros días comezarán os traballos de prospección arqueolóxica para obter toda a información necesaria.
Nos vindeiros días comezarán os estudos necesarios para definir e delimitar os castros e os seus contornos de protección para posteriormente iniciar os trámites para declaralos BICs de forma individualizada. Neste labor a Consellaría investirá 37.200 euros. Coa información recabada, a Consellaría de Cultura elaborará unha proposta de delimitación de cada un dos castros e do seu contorno, definindo o tipo de protección. Investigación completa e polo miúdo Os traballos incluirán a realización de prospeccións arqueolóxicas intensivas tanto dos xacementos arqueolóxicos como dos seus contornos. Esta actuación abranguerá a zona incluída dentro das estruturas defensivas do xacemento e, tamén, a súa área exterior inmediata. O obxectivo é cubrir a totalidade da unidade fisiográfica que constitúe o castro. Os datos tomados serán de gran precisión: os elementos que forman o castro así como a delimitación do seu contorno cartografiaranse mediante o seu posicionamento en GPS. Durante séculos os castros non só formaron parte da xeografía dos lugares senón que pasaron a integrarse nas relacións que os habitantes do territorio mantiñan coa paisaxe e, tamén, na tradición cultural galega. Desta maneira, o traballo de campo incluirá o rexistro da microtoponimia, das tradicións, das lendas e de todo material etnográfico que teña que ver con estes castros. Así mesmo, a investigación tamén atenderá ao seu estado de conservación, determinando posibles riscos e ameazas. O traballo nos propios castros completarase coa busca de datos en arquivos e en fontes bibliográficas. Trátase de recabar unha información completa e individualizada de cada un dos castros mencionados para poder así elaborar os proxectos de declaración de Ben de Interese Cultural. Parque Arqueolóxico da Cultura Celta Os xacementos celtas son vestixios dun dos períodos máis interesantes da Historia de Galiza. Trátase de elementos de grande importancia na formación da paisaxe e son perfectamente visibles e identificables en todo o territorio. Na actualidade estímase que se poden atopar arredor de 5.000 castros espallados por toda a xeografía galega. Para investigar mellor e dar a coñecer a todo o público os restos arqueolóxicos desta época, a Consellaría de Cultura está a crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Celta, no castro de San Cibrao de Las, nos concellos de San Amaro e de Punxín. Para cando estea rematado en 2009 o centro de interpretación albergará exposicións e actividades de difusión así como medios para afondar na investigación. Este edificio e a ruta de visita ao propio castro formarán unha unidade para entender mellor a cultura celta. En total, o parque comprenderá unha superficie de máis de 25 hectáreas. As visitas orientadas ao público en xeral contarán cun programa expositivo sobre a cultura celta e completarase co percorrido polo xacemento de San Cibrao. Os contidos abordan o conxunto da cultura celta: a relación dos habitantes coa paisaxe, a explotación dos recursos e a base económica da comunidade, a vida cotiá, a estrutura social e as crenzas e relixión; así como o impacto que supuxo a chegada de Roma. |