Atopan petroglifos no Castro de San Cibrao sobre o que pretenden construírA Asociación Mariña Patrimonio presentou en San Cibrao (Lugo), esta cuarta feira, un novo achado nos arredores do Castro da Atalaia, sobre o que se pretende construír tres edificios, un deles de máis de 40 vivendas. Trátase duns petróglifos atopados nunhas rochas, arredor do castro, que teñen forma de cazoleta, isto é de pequenos furados na pedra situados dunha determinada maneira. www.vieiros.com Os petróglifos foron atopados en catro puntos, fóra da zona de obra. Algúns están moi deteriorados, ben pola erosión do vento mareiro ou ben por causa do lume. Nunha das rochas atopouse unha cazoleta ou buraco dun 10 centímetros, que está arrodeado por outros buracos máis pequenos, duns tres centímetros, facendo unha circunferencia. Miranda dixo que en canto atoparon o achado, a Asociación consultou cinco arqueólogos, algúns deles especilistas neste tipo de arte ruprestre, xa que se podería tratar de buracos naturais na pedra. Porén, todos os especialistas coincidiron en que son auténticos, que fan parte dun petróglifo que pode ser meirande, xa que hai unha parte da zona na que foron achados que aínda está por escavar. Con todo, haberá que agardar a que futuros estudos verifiquen a autenticidade e a magnitude destes restos.
Dende a Mariña Patrimonio dataron o achado de hai uns 6.000 ou 5.000 anos, na Idade do Bronce, e tamén advertiron a promotora e ao Concello de Cervo (onde se atopa a vila de San Cibrao) que de declararse estes petróglifos Ben de Interese Cultural (BIC), todo o xacemento merecería esta denominación, polo que gozaría de máxima protección, o que inclúe que non lle poden construír por riba.
Manuel Miranda salientou, ademais, que, de se confirmar que o atopado son petróglifos, o achado sería "importantísimo, porque serían os primeiros encontrados na Mariña, no norte de Lugo".
|