| Atopado outro xacemento en Moanha... |
|
|
|
|
Os xacementos arqueolóxicos aparecen no municipio moañés ao ritmo en que se produce a destrución dos que xa están catalogados. Nos últimos anos desapareceron ou resultaron seriamente danados vinte. Uns, polas construción de muros, peches ou casas (os das Vaqueiras, Chan do Caeiro, O Casal, A Pedreira, Canabal, o castro do Rosal), ao levantar un centro parroquial (o de Devesa do Mouro, en Seara), por un peirao (o de Meira), por movementos de terras (Pozo Garrido, Pedra do Navío) e, moitos outros, polas obras da vía rápida. Vecinos da localidade, en particular, José Paz e o seu fillo Alexandre Paz Camaño, arqueólogo, descubriron nos últimos tempos un total de 41 xacementos e restos de cerámica.Deles, hai 19 novos petróglifos dos que non existían noticias ata fai poucos meses. A maioría está aínda sen catalogar nin por Patrimonio nin polo Concello de Moaña. Destacan entre estes os de Rega Pequena, xa catalogado por Patrimonio, pero sen incluír na listaxe do PXOM, o conxunto de Pedra Furada, descuberto por José Paz, aínda sen catalogar, que mostra debuxos reticulados con diferentes formas (un podería parecer a un peixe ao profano) e os habituais círculos. Na Xesteira tíñase coñecemento e están rexistrados por Patrimonio e o Concello moañés, de dúas pedras con senllos petróglifos. Alexandre Paz e o seu pai descubriron outros catro gravados máis, aos que fixo a correspondente ficha o mes pasado Patrimonio. Achegan como novidade dous debuxos de cervos, un coa cornamenta en perspectiva e o outro, seguindo o debuxo máis común Mostran tamén as habituais combinacións circulares con cazoletas dentro e trazos soltos. Paz atopou tamén unha pedra rota á beira dunha pista forestal que divide en dúas un muíño navicular do Neolítico. |