| Desfeita en Valdovinho... |
|
|
|
|
ADEGA-Trasancos ven de denunciar perante o SEPRONA que nas inmediacións do Castro da Frouxeira, en Valdovinho, estanse executando obras con maquinaria pesada en plena Rede Natura con hábitats prioritarios e zona RAMSAR. Alén disto, a zona afectada polas obras desta urbanización están na área de protección de 200 m do castro. Cómo é posíbel que a D. X. de Patrimonio autorizara ao promotor realizar un "control arqueolóxico" con maquinaria pesada? Alén disto, o complexo residencial conta co informe favorábel de Medio Ambiente... O contorno de Valdovinho, parte do LIC Costa Ártabra, e zona RAMSAR (humidal protexido), ten sufrido nos últimos tempos as consecuencias do urbanismo salvaxe e o desleixo das administracións pola defensa dos espazos protexidos e do seu patrimonio natural e cultural. As obras de urbanización que a promotora “CONSTRUCCIONES RÍAS GALLEGAS” está a facer en terreos incluidos no LIC Costa Ártabra (rede Natura 2000), incumpre ademáis a Lei de Costas e a Lei do Patrimonio Cultural de Galiza, ao situarse a poucos metros da dobre muralla do Castro da Frouxeira. No entanto, e malia a seren paralisados en diversas ocasións, os traballos de urbanización seguen adiante, agora coa excusa do "control arqueolóxico" ante a pasividade e complicidade das administracións.Todo parece indicar que estamos ante outro exemplo máis da conhecida estratexia de "feitos consumados" que pon de manifesto a indefensión efectiva que sofren os hábitats e especies prioritarias da Rede Natura galega. ![]() ![]() ![]() ![]() Na parcela en cuestión e contra o que informou o Director Xeral de Conservación da Natureza nunha comparecencia partamentaria, sí están presentes distintos hábitats que a Directiva 92/43 considera prioritarios (hábitats naturais amenazados de desaparición), como son as matogueiras húmedas atlánticas de Erica cilliaris e Erica tetralix e as matogueiras secas costeiras de Erica vagans e Ulex marítimus, polo que non pode haber xustificación algunha para permitir a urbanización deste espazo. Alén de irmos a un contencioso (isto é, pagar por que se faga xustiza) ou agardar polo incerto ditame de Europa, quen lle vale mentras ao noso patrimonio natural e cultural?
Alén disto, e segundo a Lei 9/2002 de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galiza, califícase como solo rústico de especial protección de espazos naturais aquel “constituído polos terreos sometidos a algún rexime de protección por aplicación da Lei 9/2001, de conservación da natureza, ou da lexislación reguladora dos espazos naturais, a flora e a fauna. Igualmente terán a dita consideración os terreos que os instrumentos de ordenación do territorio, as normas provinciais de planexamento ou o planexamento urbanístico consideren necesario protexer polos seus valores naturais, ambientais, científicos ou recreativos”. (artigo 32.f) Neste solo rústico de especial protección de espazos naturais están especialmente proíbidos os usos residenciais e industriais. (artigo 39.3 da citada Lei 9/2002). Que pinta entón unha urbanización neste espazo? E como xa dixemos, por encontrarse dentro desta parcela o Castro da Frouxeira, e consonte á Lei 8/1995, de protección do Patrimonio Cultural de Galiza e a citada Lei 972002, a cualificación do chan é rústico especialmente protexido de interese patrimonial, polo que en aplicación do artigo 38.3 da Lei 9/2002, están tamén especialmente proibidos os usos residenciais e industriais. Esta área de protección está fixada nas Normas Complementarias e Subsidiarias provinciais nun mínimo de 200 m de radio medidos a partir dos vextixios máis externos do elemento arqueolóxico, cuestión que a todas luces incumpren as obras. Diante destes flagrantes incumprimentos, nen Cultura nen Medio Ambiente parecen dispostos a tomar as medidas pertinentes para salvagardar os valores naturais e patrimoniais afectados. E a Fiscalía de Medio Ambiente visto o caso, inibiuse de actuar porque as obras son técnicamente correctas en contan cos preceitivos informes, polo que non se derivan responsabilidades penais. |