| Novas do castro de Viladonga... |
|
|
|
|
A parte privada do castro de Viladonga está limpa tras anos de falta de coidado A parte privada do castro de Viladonga está limpa desde fai varios días. A Consellería de Cultura contratou a unha empresa privada os traballos de limpeza e roza que foron efectuados nesa parte do xacemento. A actuación non partiu dos propietarios do terreo senón dunha institución pública; e ese dato, que sen dúbida supón unha das características da operación, complétase coa novidade que supuxo na historia máis recente do recinto.A directora do museo, Elena Varela, explicou onte que a medida rompía cunha situación que duraba, segundo os seus cálculos, unhas tres décadas. A responsable das instalacións manifestou que desde que comezaran as repoboacións forestais de piñeiro e de eucalipto na contorna da croa do castro, única parte pública, non se realizaron tarefas de mantemento. Os traballos recentemente concluídos consistiron só en limpeza e roza, mentres que as tallas quedaron excluídas. Varela explicou que a limpeza fora decidida exclusivamente pola Xunta sen consultar aos donos: a normativa autonómica que obriga a ter os montes en boas condicións e a fixar algunhas franxas de protección foi a razón que impulsou a executar eses traballos. Fai aproximadamente unha semana que acabou ese proceso de acondicionamento.
Partes como as murallas, o foso, un antecastro ou as terrazas están en mans privadas a pesar de que fai xa máis dun ano que comezaron os contactos para a adquisición dos terreos. O proceso, no entanto, avanza con lentitude, como recoñeceu onte a directora, que o ano pasado, ademais, descartou que se fosen a efectuar novas catas en terreos privados. A croa e un antecastro forman a zona que é de titularidade pública. O que, mentres tanto, si está ao alcance de visitantes é o novo aspecto do xacemento, que se presenta cun aspecto diferente e coa posibilidade de apreciar mellor os seus diversos alicientes Doutra banda, o proceso de compra de terreos coincide tamén co proceso de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Castro de Rei. O alcalde, Juan José Díaz Valiño, afirmou onte que no documento estableceríase unha franxa de protección ao redor do xacemento como unha forma de garantir a súa protección. O plan, de todos os xeitos, está aínda no comezo da súa elaboración e aínda non pasou polo trámite da aprobación inicial ante o pleno da corporación municipal. |