| Novas de Stonehenge... |
|
|
|
|
Comezan as escavacións en Stonehenge para determinar a idade do monumento Por primeira vez en 44 anos, arqueólogos británicos escavan desde onte no monumento prehistórico de Stonehenge cun propósito moi claro: coñecer dunha vez a idade do monumento. Os arqueólogos abrirán unha gabia duns 30 metros de longo por dous e medio de ancho, e un e medio de profundidade. Os exemplos de materia obtida da escavación ofrecerán a data exacta na que comezou a súa construción. En realidade, os arqueólogos pretenden coñecer a razón da súa construción, e en concreto queren pór a proba a súa teoría máis recente: que Stonehenge foi utilizado no seu tempo como un lugar de peregrinaxe en busca de curación. O monumento foi construído en diferentes períodos, entre os anos 3.000 e 1.600 antes de Cristo, e aínda que se lle deron numerosos usos e motivos para a súa construción, na actualidade prevalece a que o asocia a rituais pagáns ou ao sol pola súa orientación. Outras teorías apuntan a que podía ser unha zona de enterramento sacro, un lugar onde se honraba aos mortos ou ata un observatorio astronómico primitivo. Os arqueólogos centraranse no círculo de pedras máis pequenas que formaron a primeira estrutura de Stonehenge e que son máis antigas. O profesor Tim Darvill, da Universidade de Bournemouth e xefe do proxecto, explicou que se trata dun momento moi emocionante, descubrir un misterio que estivo presente entre os homes desde a Idade Media».
|