Galizacelta.com
     
Novas Arqueoloxía Achados supostos petróglifos na ribeira de Chantada...
Achados supostos petróglifos na ribeira de Chantada... PDF Imprimir Correo-e

Achan nun vinhedo de San Fiz unha roca cuns curiosos surcos cun desenho regular

As tarefas de limpeza nunha vinha propiedade da súa familia situada nunha paraxe da ribeira de Chantada, na parroquia de San Fiz, fixeron descubrir ao antigo concelleiro Antonio Fernández unha rechamante curiosidade. A roza puxo ao descuberto un penhasco labrado por uns profundos surcos que parecen seguir un desenho regular.

www.lavozdegalicia.es

Para Fernández e para o escritor chantadino Xosé Lois García, que visitou o lugar, as entalladuras son de orixe artificial e poden consistir nun petróglifo dun tipo pouco común. García, quen puntualiza que non é experto en arqueoloxía, aventura ata que o desenho podería ser unha especie de representación do curso do sol, e fai fincapé na regularidade do desenho. Ao redor dun asuco central máis grande que corta a pena dun extremo a outro -cun oco no medio- agrúpanse oito hendiduras transversais, catro de cada lado.

O arqueólogo monfortino Iván Álvarez, en cambio, opina que as hendiduras son un efecto da erosión e que consisten simplemente nunha curiosidade natural. Aínda que por agora só examinou esta formación mediante fotografías, non cre que poida considerarse obra humana. «Cerca do campo de fútbol de Sober hai outra rocha cunha figura parecida a esta, chamada Pena de Belán, que tamén foi tomada ás veces por un petróglifo, pero non a clasifiquei como tal porque é un claro produto dun proceso natural», comenta.

En todo caso, a rara figura do penhasco engade unha singularidade máis a esta espectacular paraxe, conhecido popularmente como O Inferno, onde as vinhas crecen sobre as escarpadas ladeiras do Minho. Non moi lonxe deste punto, na beira oposta, divísase a igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Minho.