|
Páxina 1 de 4 Poucos lugares haberá no mundo que teñan un nome tan tráxico e á vez tan revelador da cotiá realidade das súas xentes, como a miña querida "Costa da Morte".
Ignoro quen tivo o acerto de bautizala con tal tenebrosa denominación nin cando o fixo. Razóns non lle faltaron. Recordo que sendo eu ainda unha nena, alá na aldea, sempre que tiña ocasión de falar con algún dos vellos do lugar, preguntáballes se coñecían de onde procedía esta denominación tan mortecina da nosa costa. Tiven moitas e variadas respostas. Algúns anciáns defendía que é o xusto cualificativo para un lugar onde, até hai moi poucos anos, a pirataría aldeá cernou moitas vidas de pacíficas tripulacións que navegaban polas súas augas costeiras, orixinando unha sombría lenda, que segue pesando, aínda hoxe, sobre os seus poboadores. Outros, menos crédulos, rexeitaban por aldeás e fantasiosas as lendas que escoitaron aos seus pais e outorgaban á nosa mar traizoeira a verdadeira razón do seu nome, a esa mar que se estrela rabiosa contra o litoral, engulindo sen piedade no seu fondo, en demasiadas ocasións, a barcos e homes. Tamén ouvín explicacións de tinguiduras máis históricas, baseábanas no feito de que na antigüidade, os xeógrafos vían que este temido Finisterre era o final do mundo coñecido, a fronteira coa mar infinda, coa morte. Era a nosa costa, entón, a liña que separaba a vida coñecida do enigmático máis aló. Existían tamén interpretacións máis esotéricas, defensores da existencia dunha lendaria tradición de camiñantes, predecesores dos actuais peregrinos que acoden camiñando a Santiago de Compostela, viaxeiros que procedentes do norte de Europa, das terras húmidas dos druídas, chegaban tras longas xornadas de camiño até as nosas costas, punto final dunha travesía cara á morte alegórica, ao lugar onde cada día morre o sol para renacer a outra nova vida de luz. Eran, segundo contábanme algúns anciáns, celtas como nós, falaban a nosa antiga lingua, aquela que perdemos cando os romanos colonizaron as nosas terras. Outros máis apegados á tradicional cultura da morte, tan arraigada nas nosas aldeias, fundamentaban as súas crenzas na presenza case obsesiva da morte nas nosas vidas cotiás, resaltaban a importancia e veneración que nesta terra dáselle a esa morte que imbue todo canto facemos, a esa mistura de temor e sedución coa que moramos en complicidade e absoluta familiaridade. A morte está presente nas nosas vidas dende o mesmo momento de nacer, na intimidade da familia, nas nosas impenetrábeis crenzas pagás, e nas abundantes lendas que esculpiron dende fai moito a nosa cultura. Ningunha daquelas explicacións chegou a satisfacer totalmente á curiosa rapaza que eu era entón, aínda que todas elas tiñan un fundamento razoábel. Esta porción de costa maldita está situada en extremo occidental de Europa, no ocaso, alá onde a terra remata para dar paso ao ancho océano. é esta, verdadeiramente, unha terra de antigas e profundas tradicións, de supersticiones e lendas que teñen á morte como protagonista principal. Lendas que foron transmitidas entre susurros de pais a fillos, á calor do fogar, nos faladoiros familiares das longas tardes de inverno, nesas xornadas nas que os temporais impiden partir ás chalanas en busca do peixe de cada día. Estas lendas son secretos de familia, segredos de aldea custodiados con complicidade. Non aptas para ser narradas a persoas estrañas. A "Costa da Morte" é unha comarca de profundos silencios, de aldeas aparentemente baleiras e fantasmales, onde o forasteiro, ao penetrar nas súas solitarias rúas, percibe a estraña sensación de estar vixiado por centos de curiosas miradas que xorden detrás de cada xanela. É unha terra triste e húmida, tinguida de gris polas insistentes brumas que ascenden solemnes dende a mar océana e regada un e mil días polo pertinaz orvallo.
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 Seguinte > Final >>
|