| O Ciprianillo - O Ciprianillo |
|
|
|
| Escrito por Brath |
|
Páxina 4 de 4
— Trato concluído —respondeu o monxe. — Non é suficiente — proseguiu o Demo—. Tes que asinar. Sacou un rolo de papel no que estaban escritas cousas terribles. O irmán Ramón leuno atentamente, logo cortou o deo da man, e asinou o documento co seu sangue. — Perfecto —dixo o diabo esfregando as palmas contento—. Desexo que todos vós esteades tan contentos de min coma o estarei eu de vós. E desapareceu na noite en medio dun remuíño de vento. O irmán Ramón regresou ó mosteiro, ou polo menos ó que facía as veces del. Foi onda o padre abade e mantivo con el unha conversa secreta. Despois marchou a dormir tranquilamente no seu xergón, nunha cabana na que entraban por todas partes as correntes de aire. Na noite seguinte, produciuse unha grande axitación no país. As xentes dos arredores oíron uns ruídos que lles parecían estrañísimos, mais non ousaron saír das casas de tan enxordecedor que era o alboroto. Éche ben certo que o Demo gastaba sen conta. Fixera vir do inferno a toda unha lexión de demiños que se ocupaban en acarrexar pedras e en labralas. Logo, baixo a dirección do Demo en persoa, os demos máis experimentados puxéronse a ergue-los muros e as bóvedas da igrexa abacial e os edificios conventuais. Nunha palabra, traballaron todos tan ben que, a mañá do domingo, alí onde só había unha aldea de choupanas, erguíase un mosteiro de pedra esculpida e de aspecto magnífico. Os monxes ficaron admirados ó ver tal esplendor e non podían crer en tanta felicidade. Mais cal non sería a sorpresa dos habitantes do país cando viron levantarse así sobre o horizonte un santuario tan bonito e tan perfecto. Pois o diabo traballa ben cando se empeña. Mais estaban lonxe de pensar que era obra do Demo, e todos pregoaban o milagre. Axiña precipitáronse na igrexa para asistir á misa maior que celebraba o padre abade. Nun recanto, nas pendentes da montaña, o diabo esfregábase as mans de contento, entusiasmado coa idea de que ía facer unha boa colleita de almas. Aproveitaría para repoboa-lo inferno que, daquela, tiña a tendencia de quedar bastante deserto, por culpa dos predicadores que andaban a espalla-la boa palabra por toda a terra. Tan pronto como rematou a misa maior, despois de ter pronunciado o "ite missa est", o padre abade entoou con voz forte o canto das vésperas. Os fieis quedaron ben sorprendidos, mais seguíronas con tanto fervor como antes tiñan seguido a misa. E cando todo rematou, voltaron ás súas casas bendicindo ó Señor. En canto ós monxes, tiveron o privilexio dunha comida de festa onde o viño correu en abundancia, o que non era de desprezar. Nembargantes, había un que non andaba demasiado contento, era o Demo. Coa rabia, rompeu as zarpas na rocha na que se apoiaba, e aínda hoxe vémo-las súas marcas. Comprendeu que fora enganado e pasou o seu tempo a espreita-los monxes de Carboeiro. Encantaríalle destruí-lo mosteiro, mais, por unha parte, as obras do demo son difíciles de destruír po-lo sólidas que son, e, pola outra, tíñalle tanto medo ó salterio de san Cibrán que se mantiña prudentemente afastado, non querendo acometer nada que puidese perxudica-lo máis. Mais cando, séculos máis tarde, o salterio de san Cibrán foi transferido a Toledo, o demo tomou a súa revancha. Soprou unha pavorosa tempestade sobre o mosteiro de Carboeiro e por iso hoxe só vemos alí as ruínas. |