| A area galega na prehistoria lingüística e cultural de Europa - Páxina 8 |
|
|
|
| Escrito por TCP |
|
Páxina 8 de 15
Esta visión introduce o problema, debatido desde sempre (coas coñecidas e enconadas oposicións entre celtoescépticos e celtomaníacos: Cfr. Santana 2002), da celticidade da Galiza, e dalle unha resposta positiva: de feito, non só os territorios da actual Galiza foron poboados por poboacións célticas, senón que ademais estas formaban parte, xa no Paleolítico, xunto coas actuais illas británicas (nesa época aínda non eran illas) e cos territorios do Ocidente atlántico francés, da patria orixinaria do protocéltico. Esta unidade cultural atlántica resulta evidente cando menos por cinco factores: un de tipo xenético; un de tipo lexendario; un de tipo arqueolóxico-cultural; un de tipo mitolóxico-relixioso; o quinto factor – que é o máis importante – ven representado polo fenómeno do megalitismo. Factor xenético: en primeiro lugar éstá demostrado por estudos recentes que a compoñente xenética da poboación occidental das actuais Illas Británicas é a mesma ca do noroeste da Península Ibérica: o mapa do DNA elaborada mesmo nestes días pola equipa oxfordiana de Bryan Sykes non deixa máis dúbidas ao respecto (Sykes 2006). Factor lexendario: As lendas, atestadas en época irlandesa antiga, relativas á procedencia orixinaria dos pobos irlandeses da Península Ibérica poden ser interpretadas, á vez que como atestacións dunha auténtica colonización (relativamente á cal non existe nen a máis mínima pegada arqueolóxica), como pegadas dunha común identidade cultural e lingüística, precedente á separación da actual illa irlandesa do continente: portanto, non desprazamentos-migracións dos homes, senón desprazamento tectónico dos territorios que provocou a súa separación. Factores arqueolóxico-culturais: existe unha evidencia irrebatíbel relativa a unha homoxeneidade irlandesa-británica-nordhispánica de tipo arqueolóxico-cultural: se se enxerga a distribución dos particulares achados arqueolóxicos en Europa, descúbrese que algúns deles pertencen exclusivamente a este territorio, antigamente cohesionado, que comprende a Galiza a España do Nordeste, a Bretaña, a Irlanda, Gales e a Escocia: en particular, isto é enxergébel na distribución xeográfica de achados coma os torques de ouro e os caldeiróns. No que atingue aos primeiros, acháronse na Galiza ben uns 150, e o 90% deles atopáronse perto das costas (Cfr. Monteagudo 1952; Prieto Molina 1996; Fernández Carballo 2001). Trátase de obxectos de ouro, coma todos os semellantes da Irlanda, da Bretaña e de Gales (e en contraste coas manefacturas de prata da área mediterránea) (Queiroga 1987, Castro Pérez 1992). Polo que atinxe aos calderóns de bronce, son obxectos típicos, en particular, da Irlanda occidental; a peculiaridade dos galegos é que as súas decoracións son prácticamente idénticas ás dos caldeiróns atopados no Finisterre bretón (Almeida 1980). Barry Cunliffe fala explicitamente, a propósito dos torques e dos caldeiróns galegos, dunha “unidade cultural atlántica” (Cunliffe 2001). E logo, sobre un plano arquitectónico, á mesma área homoxénea pertencen estructuras defensivas como os chevaux-de-frise, pedras defensivas chantadas diante dos muros dunha fortificación (pero que tamén están presentes na Xermania), ou ‘monumentos’ como as estatuas menhir: estes últimos están significativamente presentes na Galiza en todas as tres expresións coas que son coñecidos na zona atlántica, e isto é non só estatuas de guerreiros (como tamén se atopan en área occitánica e tirrena), senón tamén estatuas de divinidades masculinas sentadas, e estatuas de divinidades femininas: pénsese nas de Logrosa e Carabeles (A Coruña), da Limia e de Pedrafita (Ourense e Lugo); esta pluralidade de expresións, especialmente se se confronta coa atestación fragmentaria do fenómeno en outras áreas nas que aparece, indica evidentemente unha procedencia orixinaria da área en cuestión. |