| A area galega na prehistoria lingüística e cultural de Europa - Páxina 3 |
|
|
|
| Escrito por TCP |
|
Páxina 3 de 15
3. Un campo de estudo que se abre coa TCP é a do vocabulario común do galego (e as súas formas diverxentes). Sorprende, se un repasa as etimoloxías aceptadas para o galego, o gran número de formas sen explicar ou “explicadas” con carimbos tan valeiros como “preromana”, “creación expresiva”, “onomatopeia”, así como a aceptación de moitas etimoloxías de Corominas que precisamente para o galego manexa datos de pouca calidade e escasos. A revisión das etimolxías do léxico común é algo que debe ser contemplado agora tamén á luz da filoloxía céltica. O vocabulario sen explicar ou mal explicado está encadrado dentro duns determinados campos semánticos que teñen a ver con flora, fauna, tecnicas agrícola e pesqueiras e cualidades físicas e morais de homes (e animais). Nesta laboura estou agora traballando e penso que vai ser fructífera.
4.1. As principais teorías sobre as orixes indoeuropeas. A teoría tradicional, que na súa versión máis recente e nun certo senso máis autorizada foi elaborada por Marija Gimbutas (1970, 1973a, 1973b, 1977, 1977, 1979, 1980, 1982, 1990a, 1990b), dominaba incontrastada, até hai uns vinte anos, os estudos glotolóxicos. Segundo esta teoría, como sabedes, os Indoeuropeos eran na súa orixe un pobo de pastores guerreiros a cabalo que viviron en correspondencia coa cultura do IV milenio, isto é, a da Idade do Cobre ou Calcolítico: cultura chamada tamén dos kurgan (dunha palabra rusa de orixe turco-tártara que significa “túmulo funerario”). Desde as estepas da Ucraína estes pastores guerreiros colleron despois a forma das culturas chamadas do Machado de Combate, e deseguido invadiron Europa en diversas vagas, exterminando ou sometendo as poboacións autóctonas do continente europeo, e sustituíndo todas as linguas preexistentes coa sua propia lingua. A teoría da invasión calcolítica presenta portanto un escenario que se podería definir como apocalíptico, e implica ademais a extraña idea dunha absoluta superioridade da poboación inmigrada sobre a autóctona, presupoñendo un baixo nivel das civilizacións europeas precedentes, supostamente pre-indoeuropeas.
|