Galizacelta.com
     
Contidos Historia O anticeltismo na Galiza por Suso de Toro
O anticeltismo na Galiza por Suso de Toro PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Brath   

O anticeltismo na Galiza por Suso de Toro

“…O anticeltismo é um componente específico para Galiza duma ideología integrista:
o espanholismo-castelhanista….”


Un día habería que pararse a facer un traballo interdisciplinar: imaxinar como tería sido a historia da Galiza e como sería hoxe a nosa sociedade se a rebelión dos militares golpistas tivese fracasado en Xullo do 1936. Reconstruír virtualmente outra Galiza posíbel, imaxinábel.

Pois non saberemos ben todo o que perdemos, e tampouco seremos quen a imaxinar o que é realmente posíbel até que fagamos esa reconstrucción virtual: como terían sido e evolucionado as cousas de termos democracia e autonomía desde aquela. O resumo de todas as perdas é a castración da sociedade: o encollemento e a amputación da memoria e da imaxinación, sustituidas por próteses suministradas pólos verdugos. Hai un ámbito no que a amputación se fixo de modo sistemático, é na ideoloxía e na cultura en xeral. E neses ámbitos hai dous discursos, con seguridade mais ideolóxicos que puramente científicos, que xogan un papel fundamental no caso dunha nación a quen se lle nega a existencia: a Historia e a Lingua.

A partir do 36 ambas disciplinas pasan a estar dirixidas férreamente desde Madrid, desde a universidade madrileña, que crea logo sucursais nos departamentos das nosas universidades. As xerazóns de lingüístas da posguerra fórmanse nunha desviación castiza do hispanismo, no discurso hiperideolóxico de Menéndez Pidal: un castellanismo expansivo, no espacio e no tempo, que fai do castelán o centro a partir do que explica toda a romanística. Do mesmo modo que no seu libro “Los españoles en la Historia” nos explica que Castilla é un destino en lo universal que se remonta aos prerromanos, tamén o castelán é un destino lingüístico e o demais son accidentes, ou anécdotas de uso doméstico. E así as “jarchas” pasan a ser protocastelán e o que faga falta, e así o galego pasa a ser cousa separada e distinta do portugués, unha fala interior ao espacio natural do castelán, e, pois logo, estudado a través da dialectoloxía. O galego pasa a ser unha fala que se empezou a escribir o outro día. E o mesmo acontece coa Historia, todos eses reis que falaban galego pasan a ser “leoneses”, “cristianos”, “asturianos” ou, deixándose xa de mixiricadas, “castellanos”.

E coa Prehistoria? Calquera universitario que se iniciase na Facultade de Historia de Santiago, supoño que a cousa seguirá igual, sabe que un rito de iniciación é a “desceltización”. Hoxe, gracias ás xerazóns de historiadores formados alí, ese proceso xa se inicia antes a través dos libros de texto que se aplican á desceltificar “cientificamente”. O rito iniciador basicamente é aprender a rir da nosa mítica celta, unha desmitificación do propio. Rir de nós, “ay, que cosas te tenemos los gallegos”. Facer riso, burla, da mítica que toda nación ten dun modo ou outro é parte da loita ideolóxica das nacións constituidas en estado contra as que están en proceso de ser; é un argumento máis para armar o argumento central: “os nacionalismos son mito e literatura”. Naturalmente isto refírese aos nacionalismos que non teñen estado, non reza para o nacionalismo francés, castelán-español, italiano, portugués... Polo visto eses nacionalismos que non se chaman a si propios “nacionalismos”, eses nacionalismos invisibeis son “científicos”, non son míticos e literarios. (Sóprame neste ollo que teño un lixo!)

Claro que eses universitarios a quen aprenden que “lo único celta que hay en Galicia es el Celta de Vigo, o la churrería Celta” nunca terán a experiencia de ver custionada a mítica castellana-española, como o reino visigodo que tiña a capital no que hoxe é... Francia! (Malditos gabachos!)

Así aprendimos que os nosos antepasados non eran celtas, non; eran unha cousa rara e distinta para os que lle houbo que inventar un nome, ben feo: os “castrexos”. Non poño en dúbida os rasgos específicos da cultura dos castros do NO peninsular, mais arrancalos do contexto da civilización indoeuropea á que pertencen, é pura ideoloxía. É puro odio de colonizador. As culturas do bronce e do ferro das distintas áreas teñen rasgos específicos, mais a ese continuo de tecnoloxías, formas e sustratos lingüísticos os europeos chamámoslle celtas. En toda Europa se lle chama celtas, excepto na Galiza. E por que non? Pois porque ancha es Castilla e aquí só temos dereito a ter un rasgo específico, rexional e pintoresco, dentro dunha Iberia una, grande y libre. (Do mesmo modo que non podemos ser partícipes lingüisticamente dun idioma que salta fronteiras e se estende pólo mundo, só temos dereito a ter unha fala rexional) Con todo, e xa postos en rir e desmitificar, algún dos nosos aplicados desmitificadores debera algún día demostrar que realmente existiron os “iberos”, demostrar que esos poboadores chegados de África realmente construíron un espacio cultural común. Por que vai haber iberos e non celtas? Por que non habemos rir todos de todo? En todo caso teño moi claro que o anticeltismo que subxace nos libros de texto nos que educan aos nosos fillos, e co que abren a nosa prehistoria, é un combate ideolóxico iniciado na posguerra contra a construción dunha prehistoria propia, contra Cuevillas. O anticeltismo é un componente especifico para Galiza dunha ideoloxía integrista: o españolismo castelanista.



 

O noso prezado membro Brath leva connosco dende o Luns, 14 Agosto 2006.

Amosar outros artigos deste autor