| Orixes célticas e atlánticas do megalitismo europeo |
|
|
|
| Escrito por TCP |
|
Páxina 1 de 19 Mario Alinei e Francesco Benozzo
Resumo: Nunha perspectiva que conxuga a investigación etnolinguística e o método arqueolóxico, estúdase o problema das orixes do megalitismo europeo sustentando en oposición á teoría polixenética de Colin Renfrew que, na súa primeira fase mesoneolítica, este grandioso fenómeno tivo orixe entre os pescadores de lingua céltica da costa atlántica e foi sucesivamente difundido nas rexións interiores da Europa. Esta visión de conxunto é confirmada a partir da análise das motivacións aínda hoxe presentes nos nomes dialectais e nas lendas asociadas aos megalitos. 1. A etnoxénese céltica na teoría tradicional e na teoría de Renfrew segundo a teoría invasionista das orixes dos Indo-Europeos (dagora en diante, IE), os Celtas «chegaron» aos seus territorios históricos da Europa Central. Trátase dunha inevitábel consecuencia da cronoloxía curtísima da teoría tradicional acerca da «invasión» europea dos Proto-Indo-Europeos (dagora en diante, PIE): visto que é na área o norte dos Alpes que os Celtas, «first of the prehistoric peoples to rise from anonymity» (Filip [1977: 11]), xurdiron, sendo de aí que é necesario facelos partir. Powell [1977: 11] define «that region north of the Alps, from Bohemia to the Rhine, crucial for the origin of the Celts»; e afirma: «It is this total population of the so called ´north Alpine Urnfield Province, centred in southern Germany and Switzerland, that demands special scrutiny in relation to the coming into existence of the Celts». De aí pode sinalarse a contradición entre a expresión «come into existence», apropiadamente adoptada para unha etnia e un período como o do Bronce Final (durante o cal a provincia dos Campos de Urnas emerxe ao norte dos Alpes), que pode levarnos a pensar en todo, menos no nacemento dunha etnia! Máis recentemente, nunha perspectiva menos *tradicionalista e aberta a outras hipóteses, aínda que igualmente viciada pola premisa das orixes centro-europeas dos Celtas, Coles e Harding interrogáronse: When the western part of our area finally emerges into history it is occupied by the Celts and other tribes described by classical historians. It is assumed that these peoples arrived in the area from elsewhere and were not indigenous [itálico nosso]; the question then arises, when and whence did they come? (Coles-Harding [1979: 336-337]). E a resposta: Since one cannot descry any major invasion of people into central Europe [itálico nosso] between the Urnfield period and the (presumably Celtic) Early Iron Age, it follows that all these groups (Corded Ware, barrow-graves of Early Bronze Age, Cotofeni and Monteoru in Romania, Otomani in east-central Europe and the generalised Unetice) must be ancestral to the Celts (Coles-Harding [1979: 6-7]). Na realidade, os Celtas son as principais «vítimas» da teoría tradicional IE. Sendo, por sorte súa, o primeiro pobo en xurdir historicamente ao norte dos Alpes e sendo obrigatoriamente provenientes da invasión PIE, á súa vez chegada do Leste, no IV milenio, eles só poden chegar aínda máis tarde á Europa Central, onde coincidiron con La Tène. Mais hai máis: a teoría tradicional, despois de ter feito «nacer» subitamente aos Celtas no Bronce, chegando como pobo de tal modo invisíbel, que escapou tamén aos radares arqueolóxicos do Leste, aínda os precipitou en dúas direccións opostas: na dirección oeste, para ocupar a Francia e as Illas Británicas e instalarse estabelmente para dar inicio á celticidade histórica; e, ao mesmo tempo, na dirección leste, na dirección oposta, para unha xigantesca campaña colonial que os leva a ocupar case toda a Europa. Por outras palabras, para os Celtas repítese o mesmo panorama inverosímil de etnoxénese galopante colocado en hipótese por Marja Gimbutas para os PIE e para os Altaicos, que contraría o bo senso e contrasta totalmente coa documentación arqueolóxica. |